A Lingua Galega: Historia, Prexuízos e Normalización

Gráfico sobre a lingua habitual en Galicia en función do número de habitantes do municipio (IGE, 2018)

Explicación do gráfico: O uso da lingua galega aumenta a medida que diminúe o tamaño do municipio, de xeito que nas sete cidades galegas (concellos de máis de 50.000 habitantes), a porcentaxe de galegofalantes, de forma exclusiva ou maioritaria, é menos da metade dos que se rexistran no hábitat máis rural (concellos de menos de 10.000 habitantes). Nas vilas de maior tamaño a porcentaxe entre galegofalantes e castelanfalantes está equiparada, mentres que nas vilas máis pequenas xa encontamos maioría de galegofalantes, cunha diferenza de 16 puntos porcentuais con respecto aos castelanfalantes.

Explicación do prexuízo: O feito de que os galegofalantes se concentrasen maioritariamente nas zonas rurais provocou que as características negativas asociadas tradicionalmente a este hábitat se aplicasen tamén a este grupo lingüístico e por extensión á lingua galega, mediante un proceso de xeneralización e atribución de causas erróneo. Dado que os habitantes do rural, en xeral, posuían menos estudos e menor nivel económico, atribuíanse estas características aos galegofalantes, dando lugar ao prexuízo de que a lingua galega era síntoma de incultura e pobreza. En realidade, a falta de estudos dos habitantes das zonas rurais e, por extensión, dos galegofalantes non se debía á súa menor capacidade, senón á falta de oportunidades, que provocaba á súa vez a escasa ou nula opción de mobilidade social e ascenso económico.

Posibles argumentos para desmontar o prexuízo: En primeiro lugar, hoxe en día non existe esa vinculación directa entre o rural e a pobreza e incultura. Ademais, as connotacións asociadas ao rural mudaron, de xeito que remite a un estilo de vida en moitos aspectos mellor có do ámbito urbano, canto a tranquilidade, contacto coa natureza etc. Ademais, aínda que, como indica o gráfico, os falantes de galego son maioría no rural, tamén hai unha porcentaxe importante nas vilas, case igualados aos castelanfalantes, e incluso nas cidades representan case o 20%. En definitiva, falar unha lingua ou outra non implica en ningún caso maior ou menor capacidade intelectual ou maior ou menor nivel económico, do mesmo xeito que ocorre co xénero ou a raza. Non se trata de características intrínsecas senón circunstanciais, debidas a unha situación social de desigualdade que impide a grupos con estas características o acceso a determinados bens.

Cambio que supuxo para a lingua galega a aprobación do Estatuto de Autonomía

A raíz da aprobación do Estatuto de Autonomía, en 1981, o galego convértese en lingua oficial da Comunidade Autónoma de Galicia, ao mesmo nivel que o castelán. Teñen, polo tanto, as dúas linguas o status legal de cooficiais. Ademais, o establecemento como lingua propia do galego supón o seu recoñecemento como lingua histórica de Galicia e en consecuencia pon en valor a súa importancia como símbolo cultural e identitario. Porén, o feito de que se estableza o dereito de coñecer e usar tanto o galego como o castelán, pero non o deber, implica unha desigualdade cara á lingua galega, pois na Constitución española, aprobada en 1978, si que se declara a obrigatoriedade do coñecemento da lingua castelá, no seu artigo 3.1. Isto provoca unha situación de xerarquía lingüística en favor do castelán, que ademais é a única lingua oficial en todo o Estado español. Este status legal da lingua galega debe materializarse nunha serie de usos, que se recollen na Lei de Normalización Lingüística, aprobada en 1983 polo Parlamento de Galicia. Podemos destacar algúns como o emprego polas institucións da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa Administración pública, a incorporación ao sistema educativo, do cal é a lingua oficial en todos os niveis, ou a toponimia en galego como única oficial. Por outra parte, ao converterse en lingua oficial, aumenta a necesidade de fixar unha variedade estándar ou normativa, co fin de ser usada nos ámbitos formais e na escrita. Así, en 1982 publícanse as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, declaradas oficiais ese mesmo ano pola Xunta de Galicia. Estas normas foron revisadas en 1995 e en 2003, versión que acadou xa un importante consenso entre as diferentes propostas, polo que se coñece como a “normativa de concordia”.

MARILAR DIARIO NÓS

O texto denuncia a ausencia do galego de ámbitos de prestixio como as tecnoloxías dixitais, o que tamén se pode estender a outros medios de comunicación, como a prensa ou a televisión. Isto indica que a lingua galega non está normalizada, xa que non se encontra presente en todos os ámbitos sociais. Ademais, ten repercusión na transmisión interxeracional do galego, pois, como lle ocorre á protagonista da anécdota, Moraima, aínda que recibe a lingua galega por parte da súa familia, algúns dos outros axentes de transmisión ofrecen só ou maioritariamente input lingüístico en castelán ou inglés. Esta situación pode provocar que nenos e nenas de familias galegofalantes, ao ir medrando e incorporándose á sociedade, vaian abandonando a súa lingua inicial. As medidas de normalización destinadas a intentar superar esta situación relaciónanse co aumento da súa presenza nos ámbitos de maior prestixio para a infancia e a xuventude. Temos recentemente exemplos co fenómeno das Tanxugueiras ou a demanda da Mesa pola Normalización Lingüística dunha canle temática infantil da Televisión de Galicia. Ademais, con respecto ao ámbito escolar, sería necesario contemplar a aplicación de programas de inmersión lingüística na Educación Infantil (0-6 anos), sobre todo nos ámbitos urbanos, tal como, de feito, recolle o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade do Parlamento de Galicia en 2004.

Castelao Retrincos

Castelao pertence ao Grupo Nós e é, xunto con Vicente Risco e Otero Pedrayo, un dos creadores da narrativa moderna en lingua galega. Cronoloxicamente situámolos no primeiro terzo do século XX, período no que encontramos desde un punto de vista lingüístico un desexo de afastarse do castelán, polo que son moi habituais os hiperenxebrismos, como “concencia” (1ª liña), en lugar de “conciencia”, ou “cencia” (7ª liña), en lugar de “ciencia”; e os arcaísmos, como “tiduo” (1ª liña), en lugar de “título”, ou “door” (6ª liña), en lugar de “dolor” ou “dor”. De todos os xeitos, tamén se manteñen características máis propias do período anterior (Rexurdimento), como as vacilacións vocálicas propias da oralidade: “doume” (4ª liña), en lugar de “deume” ou “antre” (4ª liña), en lugar de “entre”; ou os castelanismos, como “decirme” (5ª liña), en lugar de “dicirme”. O principal avance deste período con respecto á normalización lingüística radica na súa extensión de usos aos diferentes xéneros literarios e non literarios, grazas ao labor da Revista Nós (1920) e o Seminario de Estudos Galegos (1923). Ademais, tamén se comeza a empregar o galego en actos orais públicos, como mitins ou actos institucionais. O Estatuto de Autonomía, aprobado en 1936, contemplaba avances tan relevantes como a introdución do galego no ensino ou a obriga de coñecer o galego para os funcionarios destinados a Galicia. Non obstante, este progreso viuse truncado pola guerra civil e a posterior ditadura franquista e, de feito, o Estatuo non chegou a entrar en vigor.

ROSALÍA DE CASTRO PRÓLOGO CANTARES GALLEGOS

O texto na fase do proceso de normativización coñecido como popularizante, correspondente co Rexurdimento literario, época na que se comeza a escribir en galego despois do longo período dos séculos escuros e, por conseguinte, non existían nin dicionarios nin gramáticas, polo que a principal fonte era a propia lingua utilizada polo pobo. 

Exemplos: – Popularismos (tamén denomin

ados vulgarismos), como naide, difícile (e paragóxico), probes ou pirmeiro (metátese consonántica)… – Contraccións propias da oralidade, como pra. – Castelanismos, como deseo, belleza, conocer…

“A nosa fala” 

Dialectalismos, como vrau (pola terminación). – Castelanismos, como tuvemos, limpiando, plaias, metíamolos, enterrábamolas, parábamos, aiuntamento, papelera, iba, decir, tíñades. – Coloquialismos ou vulgarismos, como pasao, pa, estinción, costrución, vrau (pola elisión vocálica). 

 A variedade estándar ou normativa é creada para servir como “vehículo expresivo común e válido para todo o pobo galego”, tal como se recolle nas propias normas. Con este fin ha de ser continuadora da lingua falada pola comunidade, pero evitando dependencias do castelán (castelanismos). Das diferentes alternativas dialectais, escóllense aquelas con máis extensión xeográfica e demográfica, así como as que contan con tradición literaria. Dado que se trata dunha variedade destinada ao rexistro formal, tamén quedan fóra dela os coloquialismos de calquera tipo.


Analice o prexuízo lingüístico que se denuncia na viñeta de Pepe Carreiro

Tratáse de restrinxir e reducir as posibilidades de uso dunha lingua a determinados ámbitos, debido a que esta lingua é percibida como menos prestixiosa e polo tanto indigna para ser empregada nestes usos “elevados”. No caso da viñeta, refírese en concreto a que unha lingua como o galego non se acepta para o estudo dunha ciencia como as matemáticas. Esta, polo tanto, só se podería levar a cabo a través da única lingua considerada válida para este fin: o castelán. En cambio, nestas situacións de desigualdade social, a lingua de menor prestixio si é admitida para certas funcións tamén prestixiosas, pero presentadas como inferiores ou de menor categoría, como pode ser o cultivo do xénero literario da poesía. De aí que, nos procesos de normalización lingüística, cando a lingua minorizada comeza a empregarse na escrita, sempre se inicia pola literatura e, dentro desta, pola lírica.

A principal consecuencia é o afastamento dos usos públicos formais e escritos da lingua galega durante os séculos escuros, cando comeza o proceso de substitución lingüística do galego polo castelán, fronte ao que ocorría na Idade Media, onde o galego si se empregaba en todos os ámbitos, desde o literario ata os documentos notariais, de xeito que podemos afirmar que daquela era tanto a lingua do pobo como dos reis e a nobreza. Outra posible consecuencia é a que observamos nos propios protagonistas do Rexurdimento, que reivindicaban a lingua galega, pero ao mesmo tempo levaban a cabo os seus discursos públicos formais en castelán (como o que realiza Manuel Murguía na inauguración da Real Academia Galega). Do mesmo xeito, neste período os escritores e a escritora máis recoñecidos eran poetas, mentres que cómpre esperar ao primeiro terzo do século XX e ao Grupo Nós, para encontrar novela moderna en lingua galega.

. Na actualidade aínda persisten claras consecuencias deste prexuízo, como o feito de que a maioría da prensa diaria escrita en papel sexa publicada en castelán ou que a maior parte das veces que consultamos a carteleira de cine non se ofreza nin unha soa película na nosa lingua, a pesar de que a cinematografía galega sexa de alta calidade. Do mesmo xeito, podemos observar pegadas deste prexuízo no escaso uso que se realiza da nosa lingua no ámbito por exemplo da xustiza. Por último, resulta moi revelador do mantemento deste prexuízo que, tras 40 anos desde que se aprobou a Lei de Normalización Lingüística, estea prohibido por lei (Decreto 79/2010), en Galicia, impartir a materia de matemáticas en galego na Educación Primaria e Secundaria.